Felipe González Márquez

Felipe González Márquez é unha das figuras políticas clave da historia de España na segunda metade do século XX. Protagonista destacado da transición democrática, foi o terceiro presidente do Goberno de España dende a reinstauración da mesma ata finais dos anos setenta e foi o presidente que máis tempo permaneceu no cargo (catro lexislaturas en trece anos e medio).

A modernización de España e a súa completa integración no concerto europeo tiveron lugar nos seus anos de Goberno, entre 1982 e 1996. Aínda que actualmente está retirado da profesión política, o ex-presidente continúa activo en diversos focos de actualidade do ámbito europeo e latinoamericano.

Nacido en Sevilla en 1942, é pai de tres fillos e avó de sete netos. Estivo casado de 1969 a 2008 con Carmen Romero López e actualmente estao con Mar García Vaquero, en segundas nupcias, dende 2012. Afeccionado á boa mesa, encántalle cociñar e a fotografía. É coñecida a súa devoción pola natureza e o cultivo de bonsais, aínda que non tanto outra das súas paixóns: o deseño de xoias e mobles. Reláxase cunha partida ao billar, un bo libro ou traballando e tallando pedras, ademais de recoñecerse como un lector empedernido e un entusiasta do flamenco. Coa curiosidade intacta, segue mantendo vivo o seu afán por coñecer de todo.

Nacemento

Secretario Xeral do PSOE

1942-1974

1974-1982

Secretario Xeral do PSOE

Presidente do Goberno

Presidente do Goberno

1982-1996

1996-2004

Ex-presidente e deputado

Ex-deputado

2004-Actualidade

1942

1974

Nacemento

Secretario Xeral do PSOE

“O socialismo pode ser definido
en grandes liñas como a
afondamento do concepto
da democracia”

Felipe González naceu o 5 de marzo de 1942 no barrio de Bellavista de Sevilla (España). Fillo do tratante de gando Felipe González Helguera e de Juana Márquez Domínguez, foi o segundo de catro irmáns.

Cursou o bacharelato no colexio dos Pais Claretianos e o preuniversitario no Instituto San Isidoro. Posteriormente cursou a carreira de Dereito na Universidade de Sevilla, licenciándose en 1965, e asistiu o ano previo a un curso de Economía na Universidade Católica de Lovaina (Bélxica).

Durante os seus anos de estudante colaborou coas seguintes mocidades: Juventudes Universitarias de Acción Católica (Mocidades Universitarias de Acción Católica) e Juventudes Obreras Católicas (Mocidades Obreiras Católicas). En 1962, afiliouse ás Juventudes Socialistas (Mocidades Socialistas), no momento da súa reorganización clandestina en Andalucía. Dous anos despois, ingresou nas filas do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) —ao ano seguinte xa formaba parte do comité provincial do partido—, que estaba prohibido en España dende o final da Guerra Civil en 1939 e cuxos dirixentes históricos operaban no exilio. A súa actividade desenvolveuse, por tanto, na clandestinidade e, en 1971, a súa participación en manifestacións contrarias ao réxime do xeneral Franco supúxolle unha detención policial.

Obtido o título de avogado, abriu un bufete especializado en litixios laborais, o que lle permitiu coñecer de primeira man os problemas dos traballadores nos anos do desenvolvismo da ditadura franquista. Desde o bufete dedicaríase tamén a impulsar a implantación da UGT na capital e pobos sevillanos.

En 1969, contraeu matrimonio en Sevilla con Carmen Romero López, profesora de instituto, militante socialista e sindicalista na UGT, coa que tería tres fillos: Pablo (1972), David (1973) e María (1978).

En 1965, González ingresou no Comité Provincial do PSOE de Sevilla, en 1969, accedeu ao Comité Nacional e, en 1970, foi elixido membro da Comisión Executiva. Neses anos, iniciábase un movemento de renovación nas filas socialistas. En agosto de 1972, en representación da Executiva do interior (PSOE Renovado), que pugnaba coa Executiva do exterior (PSOE Histórico, integrado polos veteranos do exilio e encabezado polo secretario xeral dende 1944, Rodolfo Llopis), participou no XXV Congreso do partido, celebrado na localidade francesa de Toulouse. Dous anos despois, en outubro de 1974, o XXVI Congreso, reunido tamén en Francia, en Suresnes, elixiríao para a Secretaría Xeral, que se atopaba vacante dende a cita de Toulouse debido ás divisións internas.

1974

1982

Secretario Xeral do PSOE

Presidente do Goberno

“O líder político ha de procurar que os anhelos e os soños, en especial os dos mozos, atopen o seu lugar na democracia representativa que se expresa nas urnas”.

Felipe González, coñecido polos seus camaradas como Isidoro, tiña 32 anos e, ademais, contaba co apoio das máximas figuras da socialdemocracia europea, como o italiano Pietro Nenni, o sueco Olof Palme e o alemán Willy Brandt, todos fixeron valer o seu peso na Internacional Socialista para que esta recoñecese ao PSOE Renovado como o lexítimo representante do socialismo español.

Tras a morte de Franco en novembro de 1975, instalado xa en Madrid xunto coa súa familia, pasou a liderar unha parte da oposición española á fronte da Plataforma de Convergencia Democrática (Plataforma de Converxencia Democrática), que en marzo de 1976 fusionouse coa Junta Democrática de España (Xunta Democrática de España) que animaban o Partido Comunista de España (PCE), dando lugar á Coordinación Democrática, máis coñecida como a «Platajunta».

No XXVII Congreso socialista, en decembro de 1976 en Madrid, o primeiro dos celebrados en España dende a Guerra Civil, González foi ratificado como secretario xeral.

En febreiro de 1977, o PSOE foi legalizado polo goberno de Adolfo Suárez e Felipe González puido concorrer ás primeiras eleccións xerais democráticas, de carácter constituínte, o 15 de xuño dese mesmo ano. O PSOE obtivo o 29,2% dos votos e 118 escanos, colocándose como a segunda forza do Congreso dos Deputados, superando amplamente os resultados do PCE (9,3% de votos e 19 deputados).

No XXVIII Congreso, o 17 de maio de 1979, González presentou un relatorio transformador que foi derrotado. Por iso dimitiu e unha xestora interina fíxose cargo da dirección. Pero en setembro do mesmo ano, un Congreso Extraordinario devolveulle na Secretaría Xeral co 86% dos votos e, ademais, viu referendada a súa proposta de renunciar á ideoloxía marxista pola socialdemocracia reformista: uns postulados que pretendían facer do PSOE un partido moderno e interclasista, como no resto de Europa. Non en balde, dende o 7 de novembro de 1978, era vicepresidente da Internacional Socialista, onde entrou a colaborar directamente co seu presidente, o ex-chanceler Willy Brandt.

“A acción política de progreso
consiste na capacidade para articular
respostas eficaces, conxuntas e solidarias
a través do diálogo, do acordo e da participación”.

Nas eleccións lexislativas do 1 de marzo de 1979 (I Lexislatura), o PSOE consolidouse como unha alternativa de goberno alcanzando o 30,5% dos votos e 121 deputados. O aumento progresivo dos apoios ao Partido Socialista fixo que nas eleccións municipais dese mesmo ano, apenas un mes máis tarde, o 3 de abril, o PSOE gañase en máis dun milleiro de municipios e pasase a gobernar moitas das principais cidades de España.

1982

1996

Presidente do Goberno

A crise progresiva da UCD e o intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 agudizan na opinión pública a necesidade urxente dun cambio político. Convócanse eleccións xerais para o 28 de outubro de 1982 e o PSOE obtén unha vitoria significativa co 48,3% dos sufraxios e 202 deputados, a primeira maioría absoluta dun partido. Nunca antes un partido de esquerda recibira tantos votos en solitario en España e, ata a data, é o resultado máis avultado para unha formación política dende o período democrático iniciado baixo a Constitución de 1978.

O 2 de decembro de 1982, Felipe González é investido, nas Cortes, presidente do primeiro Goberno socialista na historia de España, con 207 votos a favor, 116 en contra e 21 abstencións (II Lexislatura).

Verificándose o lema «Polo Cambio» ondeado polo PSOE durante a campaña electoral, a chegada ao Goberno dos socialistas trouxo, a moitos sectores da sociedade española, esperanzas de melloras e transformacións a todos os niveis, nun país que en numerosos aspectos arrastraba un considerable atraso con relación ás democracias máis consolidadas de Europa occidental.

Nesta primeira lexislatura de goberno, con abundantes decisións executivas e novidades lexislativas, os socialistas desenvolveron unha política orientada, por unha banda, a profundar e asentar a democracia, e, doutra banda, a impulsar unha importante serie de reformas, que levaron a bautizar estes anos como a «década do cambio» e creouse un novo clima de confianza cidadá nas institucións.

No eido social, o país empezou a experimentar claros progresos para cimentar o Estado do Benestar. Dunha parte, modernizáronse os tramos escolares básicos mediante a Lei Orgánica do Dereito á Educación (LODE) de xullo de 1985, á que seguiu en outubro de 1990, xa na terceira lexislatura socialista, a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), que reestruturou o ensino secundario e universalizou a educación pública gratuíta ata os 16 anos. Doutra parte, desenvolveuse un amplo sistema de Seguridade Social integral e sostido polas cotizacións dos afiliados. A Lei Xeral de Sanidade (1986) regulou o funcionamento dun Sistema Nacional de Saúde que ofrecía asistencia sanitaria pública, gratuíta, universal e de alta calidade. O novo marco cambiou o modelo de sanidade pública en España: a prestación do servizo deixou de depender da cotización dos traballadores, é dicir, deixou de concibirse como un seguro social, e reformulouse como un dereito cidadán universal, de carácter ineludible. Tamén se aprobou, coa Lei Orgánica 9/1985 de Reforma do Código Penal, a despenalización parcial do aborto e levouse a cabo a delicada reforma e profesionalización do Exército, denominada «transición militar».

No eido económico, o Goberno desatou no sector produtivo unhas reformas estruturais que consideraba ineludibles para a modernización do país. O elemento máis visible deste proceso foi a reconversión industrial en sectores como o da siderurxia, a construción naval ou a industria química. Os gobernos socialistas caracterizáronse polo pragmatismo económico e unha política social activa, que lles levou a gañar a confianza a patronal, sen esquecerse dos sindicatos, cos que se asinaría un Acordo Económico e Social (1984). Tamén é certo que, máis adiante, convocaríanse ata catro folgas xerais (en 1985, 1988, 1992 —esta de media xornada— e 1994: contra a reforma das pensións, contra o plan de emprego xuvenil e a política económica do Goberno, contra a reforma laboral, e contra a reforma do subsidio de desemprego, respectivamente).

Nos últimos anos da súa administración, o parque de empresas do Estado experimentou un proceso de racionalización directiva, en prol da modernización e da competitividade do sistema produtivo nacional, que asumía a mentalidade empresarial no mercado común europeo altamente competitivo e poñía énfase na eficiencia dos hóldings públicos que tiñan encomendada a xestión das compañías.

No eido das relacións internacionais, os gobernos de González conferiron o impulso definitivo á apertura ao exterior iniciada polos primeiros gobernos democráticos. A súa estratexia internacionalista tivo a súa definición máxima na inserción nas estruturas euro-atlánticas, rexeitando o unilateralismo e a non aliñación.

O 20 de xuño de 1983, desprazouse en visita oficial a Washington, onde foi recibido polo presidente Ronald Reagan. Este, segundo fixo constar no seu diario, viu no seu hóspede español a un «socialista agudo, brillante, con personalidade, novo, moderado e pragmático». A boa comunicación e os desexos de entendemento volveron presidir os novos encontros co presidente estadounidense en 1985, o primeiro en maio en Madrid e o segundo en setembro en Washington.

Cumprindo cun compromiso electoral, González convocou para o 12 de marzo de 1986 o referendo sobre a OTAN. Este non tiña carácter vinculante e só era consultivo, pero corría o risco de converterse nun plebiscito sobre a xestión do Goberno; se o perdía, a súa situación, coas eleccións xerais ao virar a esquina, tornaríase moi comprometida. Ademais, produciuse un cambio de posición do seu goberno respecto da OTAN, xa que o PSOE manifestouse en contra do seu ingreso, antes de entrar no Goberno. A decidida implicación do presidente, resultou decisiva para o envorco da opinión do electorado, que finalmente aprobou a permanencia na OTAN nas condicións fixadas polo Goberno. O si á OTAN gañou co 52,5% dos votos.

E apenas tres meses despois, o 22 de xuño de 1986, celebráronse novamente eleccións cun resultado positivo, gañándoas co 44,1% dos votos e 184 deputados, volvendo gobernar con maioría absoluta na III Lexislatura.

A pedra angular da súa política exterior foi a entrada nas Comunidades Europeas, unha meta perseguida por todos os gobernos españois dende 1962, aínda que só con verdadeiro afán, unha vez removidas as desconfianzas e reticencias propias do nacionalismo franquista, por mor da solicitude oficial presentada por Adolfo Suárez en 1977. Para os gobernos da democracia, resultaba indispensable superar a marxinación secular de España no concerto económico e político europeo.

O 12 de xuño de 1985, tras seis anos de arduas e sinuosas negociacións, nas que Madrid tivo que abrazar o eido xurisdicional do Consello de Europa, adaptar as súas estruturas produtivas sometidas a proteccionismo e vencer as resistencias francesas pola competencia que entrañaba o potente sector agrario español, González asinou no Palacio Real de Madrid a Acta de Adhesión á Comunidade Económica Europea (CEE), á Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) e á Comunidade Europea da Enerxía Atómica (EURATOM). O ingreso formal nas Comunidades Europeas tivo lugar o 1 de xaneiro de 1986, á vez que a incorporación de Portugal.

O 29 de outubro de 1989, transcorridos sete anos dende a súa chegada ao poder, volveron celebrarse eleccións e o PSOE reeditaría un novo éxito co 39,6% dos votos e 175 deputados (IV Lexislatura).

Entre a primeira presidencia de quenda do Consello, no primeiro semestre de 1989, e a segunda, no segundo semestre de 1995, o peso específico de España e a influencia de González na nova Unión Europea (dende novembro de 1993) foron parellos á súa adscrición ás teses máis europeístas. En maio de 1993, foi galardoado co Premio Carlomagno, que recolleu na cidade alemá de Aquisgrán pola súa contribución á unidade europea. Era o terceiro español en recibir este prestixioso premio, despois do pensador e diplomático Salvador de Madariaga, en 1973, e do rei Juan Carlos, en 1982. En 1994, os gobernantes europeos barallaron seriamente ao socialista español como o líder idóneo para substituír ao socialista francés, Jacques Delors, á fronte da Comisión Europea, pero descartou esta posibilidade, contradicindo a aqueles que pensaban que non ía desaproveitar unha oportunidade para abandonar o Goberno e entrar pola porta grande de Europa.

“Os compromisos electorais deben cumprirse e se hai circunstancias que o impiden ou che fan cambiar de opinión, tes a obriga de explicalo con veracidade, sen buscar culpas alleas, evitando a sensación de engano que predomina na política española”.

O relanzamento das relacións diplomáticas de España, durante os 14 anos de goberno socialista, excedeu con moito o contexto euro-atlántico. España converteuse nun país que inspiraba confianza tanto a árabes como a israelís, un país que podía facer de ponte intercultural por ser, no pasado, patria multisecular e de convivencia entre musulmáns e xudeus. De feito, foi o seu goberno, en xaneiro de 1986, o que restableceu as relacións diplomáticas con Israel, recoñecéndoo como Estado. Esta singular dualidade foi recoñecida coa elección de Madrid como sede da histórica Conferencia que, baixo a éxida de Estados Unidos e co patrocinio compartido da URSS, puxo en marcha o proceso de paz en Oriente Próximo. Tan importante evento desenvolveuse no Palacio Real de Madrid, entre o 30 de outubro e 1 de novembro de 1991. Ao mesmo asistiron, ademais das delegacións israelí, xordano-palestina, exipcia, siria e libanesa, os seus dous patrocinadores, os presidentes Bush e Gorbachev.

En América Latina, España tivo unha implicación importante nos procesos de paz para América Central, tras a creación do Grupo de Contadora e do seu Grupo de Apoio. Entre 1989 e 1991, González figurou no grupo de «presidentes amigos» que prestou os seus bos oficios para o resultado positivo do proceso de paz do Salvador. En xaneiro de 1992, González, a título de testemuña da cerimonia, tivo unha presenza destacada na firma en Chapultepec (México) dos Acordos de Paz polo presidente Alfredo Cristiani e a guerrilla do FMLN que puxeron termo a 12 anos de sanguenta guerra civil.

Doutra banda, os lazos políticos e culturais entre España e o subcontinente adquiriron unha dimensión multilateral coa activación dos Cumios Iberoamericanos, a segunda das cales tivo lugar en Madrid, o 23 de xullo de 1992, no emblemático ano do Quinto Centenario. No aumento da presenza e da influencia españolas en América do Sur xogaron un papel determinante as cordiais relacións persoais, marcadas pola afinidade ideolóxica dentro da Internacional Socialista, de Felipe González cos presidentes socialdemócratas de: Venezuela, Carlos Andrés Pérez; Perú, Alan García Pérez; Bolivia, Jaime Paz Zamora; e Brasil, Fernando Henrique Cardoso; ademais do radical arxentino, Raúl Alfonsín, e o colorado uruguaio, Julio María Sanguinetti.

Non podemos esquecernos de 1992, que foi para España o ano das grandes celebracións: os Xogos Olímpicos en Barcelona, a Exposición Universal de Sevilla e o Quinto Centenario do descubrimento de América. Eses acontecementos de éxito indiscutible situaron a España dentro do reducido círculo de nacións con reputación de solidez e modernidade. Pero ademais foron, de maneira moi directa, o motor da modernización das infraestruturas desas dúas cidades, aínda que iso tamén redundou en beneficio de toda España. É o caso, por exemplo, do tren de Alta Velocidade (AVE) Madrid-Sevilla, que iniciou a revolución do transporte ferroviario.

O 6 de xuño de 1993, celebráronse eleccións xerais anticipadas que, por vez primeira dende 1982, colocaron ao PSOE nunha maioría simple (38,8% dos votos e 159 deputados) que fixo precisa a procura de apoios parlamentarios nos partidos nacionalistas moderados que gobernaban en Cataluña (CiU) e o País Vasco (PNV) para asegurar a gobernabilidade da V Lexislatura.

En decembro de 1995, na recta final do seu mandato e coroando a presidencia semestral española do Consello da UE, o protagonismo exterior de España foi moi destacado. O día 3, Madrid foi o escenario da firma da Nova Axenda Transatlántica con Estados Unidos, xunto co presidente Bill Clinton e o presidente da Comisión Europea Jacques Santer; os días 15 e 16, da firma do Consello Europeo que aprobou o nome de euro para a futura moeda común europea; e o día 15, da firma polos respectivos ministros de Exteriores do Acordo Marco Interrexional de Cooperación entre a Comunidade Europea e o MERCOSUR. Pouco antes, o 27 e o 28 de novembro, Barcelona acollera a I Conferencia Euromediterránea (CEM), evento que supuxo o nacemento do Partenariado Euromediterráneo e o arranque do chamado Proceso de Barcelona.

O 14 de decembro de 1995, ademais, Felipe González, en calidade de presidente de quenda do Consello Europeo, representou á UE na solemne firma en París do Acordo Xeral para a Paz en Bosnia e Hercegovina, adoptado o mes anterior en Dayton, Estados Unidos, polos tres presidentes ex-iugoslavos involucrados no conflito, o bosníaco Alija Izetbegovic, o serbio Slobodan Milosevic e o croata Franjo Tudjman, máximos protagonistas da cita. Na capital gala, o presidente español compartiu un testemuño garante co presidente francés Jacques Chirac, o presidente Clinton, o chanceler Kohl, o primeiro ministro británico John Major e o primeiro ministro ruso Viktor Chernomyrdin.

1996

2004

Ex-presidente e deputado

“A unidade europea non pode facerse só cara a dentro, senón tamén debe facerse cara a fóra de Europa. O ser histórico de Europa consiste, precisamente, en envorcarse cara ao mundo”.

O 3 de marzo de 1996, celebraríanse as eleccións para a VI Lexislatura e Felipe González sería candidato ao Goberno por sétima vez consecutiva. Tras catro lexislaturas e trece anos e medio como presidente do Goberno, o PSOE perdeu as eleccións co 37,6% dos sufraxios e 141 escanos, terminando o seu mandato en maio de 1996.

Sen ningunha dúbida, a crise económica, o descontento con algunhas das medidas adoptadas, o desgaste tras moitos anos de goberno e o fastío da poboación ante os escándalos e casos de corrupción do partido (como Filesa, Ibercorp, o caso Juan Guerra ou Luís Roldán e a guerra sucia contra ETA, entre outros), con varias dimisións de ministros, non só provocaron un duro enfrontamento coa oposición, senón que tamén minaron a confianza dos electores no PSOE e no seu goberno e traducíronse nunha derrota electoral.

A partir dese intre, como ex-presidente, desenvolveu unha intensa actividade, tanto en Europa como en América Latina, onde era asidua a súa participación en seminarios e conferencias, naquela época moi enfocados a analizar o fenómeno da globalización e os seus desafíos.

En decembro de 1996, encabezou en Belgrado o equipo da OSCE que investigou as denunciadas irregularidades nas eleccións municipais serbias e asumiu tamén labores de mediación entre o réxime de Milosevic e a oposición democrática. Posteriormente, en marzo de 1998, o Grupo de Contacto para Kosovo designouno enviado conxunto da OSCE (como representante persoal do seu presidente en exercicio, o ministro de Exteriores polaco, Bronislaw Geremek) e da UE (como representante especial do Consello, que aprobou o nomeamento en xuño baixo a Presidencia británica) para mediar no conflito que vivía a provincia de maioría albanesa baixo a soberanía serbia, pero o ex-gobernante español non chegou a exercer a súa misión, porque as autoridades de Belgrado negáronse a recibilo

O 20 de xuño de 1997, anunciou a súa renuncia á Secretaría Xeral do PSOE no arranque do XXXIV Congreso. Nas eleccións de 2000 (VII Lexislatura), renovaría a súa acta de deputado no Congreso, pero non por Madrid, senón por Sevilla. Esta sería a súa última lexislatura, xa que non volvería presentarse nas eleccións do 14 de marzo de 2004. A pesar de non ser deputado nin ostentar cargos dentro do partido, nunca estivo desvinculado do PSOE e colaborou cos seus órganos de dirección sempre que se lle solicitou.

A finais de 1998, reproduciuse a situación de 1994 con Delors, ao achegarse a hora da substitución do luxemburgués Jacques Santer como presidente da Comisión Europea. A pesar de ser proposto polo Goberno socialista de Portugal e polo propio Delors, declinou entrar na lide de candidaturas insistindo en que non quería ocupar ningún cargo de natureza institucional.

En 1999, abandonou a vicepresidencia da Internacional Socialista, que ostentaba dende 1978, pero antes a organización designouno responsable da Comisión sobre Progreso Global, coa misión de redactar un novo manifesto do ideario socialdemócrata en resposta á globalización. O texto, visto como unha síntese da Terceira Vía do británico Tony Blair e o socialismo máis clásico do francés Lionel Jospin, serviu de base para a Declaración que pechou o XXI Congreso da Internacional Socialista, celebrado en París, en novembro de 1999. Ao fío da anterior Comisión, tamén se creou a Fundación Progreso Global e estivo á fronte da súa presidencia ata o ano 2009.

En outubro de 2001, baixo o impacto dos atentados do 11-S, Felipe González foi un dos 35 líderes mundiais en activo ou retirados que participaron en Madrid na Conferencia sobre Transición e Consolidación Democráticas (CTCD), evento que foi inaugurado por Mikhail Gorbachev. Da CTCD xurdiu, en maio de 2002, o Club de Madrid, un extenso marco de encontro dalgúns dos gobernantes retirados máis coñecidos do liderado internacional.

2004

Actualidade

Ex-deputado

Como ex-presidente, puido ingresar como conselleiro nato ou vitalicio no Consello de Estado, pero renunciou a ser membro. Así mesmo, o rei Juan Carlos ofreceulle un título nobiliario, como xa fixera con Suárez —convertido en duque—, pero declinouno amablemente por razóns de coherencia persoal e política.

Afastado da vida política española, seguía inmerso nunha densa axenda internacional. En 2005, mediou discretamente entre o Goberno colombiano de Álvaro Uribe e a guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN) para sacar adiante un acordo de paz que finalmente non se concretou. En 2006, desenvolveu un labor similar, entre os gobernos de Irán e Estados Unidos, nun intento de achegar posturas no conflito sobre o programa nuclear iraniano.

O 27 de xullo de 2007, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, tras a proposta do ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, nomeouno Embaixador Extraordinario e Plenipotenciario para a Conmemoración dos Bicentenarios da Independencia das Repúblicas Iberoamericanas.

O 14 de decembro de 2007, os xefes de Estado e de Goberno da UE, reunidos en Consello Europeo en Bruxelas, designaron ao seu colega español retirado presidente do Grupo de Reflexión sobre o futuro de Europa, tamén chamado Comité de Sabios. Formado por nove personalidades de recoñecido prestixio político, empresarial e académico (en outubro de 2008, o Consello Europeo ampliou o seu número a doce), o Grupo de Reflexión constituíuse coa encomenda de estudar e propor respostas aos retos que a Unión terá que enfrontar a longo prazo, concretamente no horizonte dos anos 2020-2030.

En febreiro de 2009, pasou a formar parte do novo Consello de Política Internacional e Cooperación do PSOE, concibido para apoiar o labor do Ministerio de Exteriores.

De decembro do 2009 a decembro de 2012, foi Presidente do Consejo de Participación del Espacio Natural de Doñana (Consello de Participación do Espazo Natural de Doñana), órgano colexiado de carácter predominantemente consultivo e deliberante, adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Junta de Andalucía.

Desde decembro do 2010 ata maio de 2015, foi conselleiro independente no Consello de administración de Gas Natural Fenosa.

Así mesmo, fundou empresas como Ialcon Consultoría en 2001 e Tagua Capital en 2011, unha xestora de fondos de investimento en sectores como saúde, enerxía e tecnoloxías da información, que non segue en activo.

En decembro de 2014, o presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, outorgoulle a nacionalidade colombiana. E en relación con este país, Felipe González non só se implicou como mediador no seu proceso de paz coa guerrilla das FARC ao longo de moitos anos —tanto a nivel político como persoal—, senón que foi unha das personalidades —xunto co Centro Internacional de Toledo para a Paz ou os ex-presidentes José Mujica e Ricardo Lagos, entre outros— que promoveron a candidatura de Juan Manuel Santos ao Nobel da Paz (2016), tras a firma dos acordos de paz.

Desde marzo de 2016, asume a titularidade da Cátedra iberoamericana ‘José Bonifacio’ da Universidade brasileira de São Paulo, a meirande universidade de América latina. O obxectivo desta cátedra, creada en 2013, é reforzar as «relacións iberoamericanas» coa axuda de personalidades do mundo da cultura, a economía e a política.

En decembro de 2013, rexistrábase a Fundación que leva o seu nome e que se poñería en marcha, a finais de 2016, co obxectivo de poñer a disposición de todos os cidadáns o seu arquivo documental, ademais de organizar e apoiar actividades e proxectos que contribúan á igualdade de oportunidades e ofrezan ferramentas para enfrontarnos como sociedade aos retos do século XXI.

Felipe González é membro de varias institucións e fundacións, xa sexa na súa modalidade de membro de honra ou padrón, como a Association Jean Monnet, o Club de Roma, a Fundación Alternativas, o Real Instituto Elcano, a Fundación Barenboim-Said, a Fundación Círculo de Montevideo, a Fundación Ernest Lluch, a Fundación Tomas Meabe, o Consello editorial do Grupo Prisa ou a Cátedra de Estudos Iberoamericanos Jesús de Polanco, entre outras.

Ademais foi condecorado coa Gran Cruz da Orde de Cristo da República Portuguesa, a Gran Cruz de ouro ao mérito pola República de Austria, a Medalla de Honra de Madrid, é Cabaleiro do Colar da Orde de Isabel a Católica e é Fillo Predilecto de Sevilla e de Andalucía, entre outras distincións, ademais de ser Doutor «Honoris Causa» polas Universidades de Lovaina, Toulouse e Tel-Aviv.

Tamén publicou varios libros, entre os que se atopan Qué es. El Socialismo (Que é. O Socialismo) (1997), Memorias del Futuro. Reflexiones sobre el tiempo presente (Memorias do Futuro. Reflexións sobre o tempo presente) (2003), Mi idea de Europa (A miña idea de Europa) (2010) ou En busca de respuestas. El liderazgo en tiempo de crisis (En busca de respostas. O liderado en tempo de crise) (2013).

Na actualidade reparte o seu tempo entre conferencias, atendendo ás demandas de consello e axuda de diferentes países —sobre todo de Europa e América latina— e traballando no seu taller e no campo.

“Podemos distinguir diversos tipos de políticos. Algúns teñen principios, pero non teñen ideas. Outros posúen ideas, pero carecen de principios. E non escasean os que non teñen ideas nin principios. Finalmente, deberiamos ocuparnos de identificar a aqueles que teñen ideas e principios”.

Biografía elaborada a partir da escrita por Roberto Ortiz de Zárate, da Fundación CIDOB, da información dispoñible na web do PSOE  [Historia do PSOE: Transición, Renovación e Goberno  (1977- 1996)] e elaboración propia.